Saturday 04 de May de 2024

O Concello pobrense organiza unha andaina cultural polo Día Internacional dos Monumentos e Sitios


A Pobra do Caramiñal elixe novamente o formato da andaina comentada para o Día Internacional dos Monumentos e Sitios. A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, explica que se realiza esta acción polo segundo ano consecutivo coa finalidade de divulga-lo patrimonio local e redescubrir espazos relacionados co ronsel valleinclaniano.

A actividade desenvolverase no 16 de abril, se ben a dita xornada se conmemora no día 18, para así facilita-la participación por ser un domingo.

O itinerario guiado polo director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, partirá ás 11.30 horas do núcleo histórico do Xobre para, posteriormente, dirixirse ao barrio dos Cataláns, seguir ata a torre de Bermúdez e finalizar no núcleo histórico da Pobra do Deán, cunha visita ao pazo do Couto.

As inscricións son de balde e débense formalizar no teléfono de contacto 981831662 ou na propia institución museística.